Bono Concilia Familia 2026: axudas para a conciliación das familias galegas

A Xunta de Galicia convoca o Bono Concilia Familia 2026, unha liña de axudas destinada a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias galegas ante situacións puntuais ou durante os períodos de vacacións escolares.

O programa corresponde ao código de procedemento BS412A e conta cun orzamento total de 2.663.867 euros.

Quen pode solicitar a axuda?

Poden ser beneficiarias as nais, pais, persoas titoras, acolledoras ou gardadoras con fins adoptivos de menores nacidos entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2022, sempre que residan en Galicia.

Nos casos de necesidades de conciliación por enfermidade, accidente ou durante as vacacións escolares, esíxese que as persoas responsables da atención do menor estean traballando, coas particularidades establecidas na convocatoria para familias monoparentais, custodia compartida e outras situacións.

Que gastos se poden subvencionar?

A axuda pode cubrir gastos relacionados coa atención e coidado dos menores, entre eles:

  • Contratación temporal dunha persoa empregada do fogar para o coidado da nena ou neno.
  • Servizos de atención á infancia a domicilio.
  • Asistencia a ludotecas, espazos infantís e outros servizos de conciliación autorizados.
  • Campamentos e outros recursos de conciliación colectivos privados organizados especificamente durante as vacacións escolares.

Non serán subvencionables os campamentos organizados directa ou indirectamente polas administracións públicas.

Contía da axuda

A subvención poderá alcanzar:

Ata o 100 % do gasto, para familias numerosas, monoparentais, acolledoras, con garda con fins adoptivos, familias nas que algún fillo ou filla convivinte teña unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, ou familias vítimas de violencia de xénero.

Para o resto das familias, a axuda poderá chegar ata o 75 % do gasto.

Existen ademais os seguintes límites máximos:

  • 500 € por unidade familiar para a contratación dunha persoa empregada do fogar ou servizos de atención á infancia a domicilio.
  • 200 € por cada nena ou neno no caso de servizos de conciliación autorizados ou campamentos e recursos colectivos privados.

Períodos de vacacións escolares incluídos

As axudas cobren necesidades de conciliación producidas nos seguintes períodos de 2026:

  • Do 1 ao 7 de xaneiro.
  • 16, 17 e 18 de febreiro.
  • Do 30 de marzo ao 6 de abril.
  • Do 20 de xuño ao 8 de setembro.

Prazo para solicitar a axuda

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

O prazo será de un mes, desde as 9:00 horas do 9 de setembro de 2026 ata as 14:00 horas do 9 de outubro de 2026.

É importante ter en conta que as solicitudes se tramitarán por orde de presentación da documentación completa e ata o esgotamento do crédito dispoñible.

Documentación necesaria

Entre a documentación que pode ser necesario achegar atópanse o libro de familia ou documentación acreditativa da situación familiar, así como a documentación específica correspondente á situación que xera a necesidade de conciliación.

Para acreditar o gasto deberán presentarse as facturas e os xustificantes de pagamento. No caso da contratación dunha persoa empregada do fogar, será necesario achegar tamén o contrato de traballo e os xustificantes bancarios do salario e das cotas da Seguridade Social.

En ASEC Asesores axudámosche coa túa subvención

Se a túa familia cumpre os requisitos do Bono Concilia Familia 2026, en ASEC Asesores podemos axudarche a revisar a documentación, comprobar os requisitos e tramitar correctamente a solicitude.

Non deixes a solicitude para o último momento: o prazo comeza o 9 de setembro de 2026 e finaliza o 9 de outubro de 2026 ás 14:00 h.