APERTURA DE PRAZO PARA ADHERIRSE AO PROGRAMA BONO COMERCIO

Axudas do programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio

Alta e requisitos dos comercios para a adhesión ao programa

Os establecementos comerciais retallistas que desexen adherirse ao programa bonos Activa comercio deberán rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal.

O prazo para adherirse ao programa será do 20 de maio ao 15 de decembro de 2025, salvo que se esgote previamente o crédito do programa.

Poderán adherirse ao programa bonos Activa comercio os establecementos comerciais retallistas que cumpran os seguintes requisitos:

  • Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia (establecemento comercial en Galicia) e reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.
  • Que sexan persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas de conformidade co previsto no Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.
  • Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo da orde.

Sistema de funcionamento dos bonos

A descarga dos bonos polas persoas usuarias realizarase na web www.bonosactivacomercio.gal. Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha APP que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).

Para trocar os bonos e poder facer efectivos os descontos ás persoas usuarias, os/as comerciantes terán que descargar no seu móbil a APP bonos Activa comercio.

Actividade subvencionable

Subvencionase a compra de bens, a través dos bonos Activa comercio, nos establecementos comerciais retallistas de Galicia adheridos ao programa. Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de ata 30 € para as compras realizadas nos comercios adheridos. Poderase usar cada bono ata o seu esgotamento ou, no seu caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.
O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra realizada de acordo cos seguintes criterios:

  • Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.
  • Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
  • Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.
    Todas estas contías enténdense co IVE incluído.