Axudas para a corrección de impactos paisaxísticos – Convocatoria 2026
A Xunta de Galicia, a través do Instituto de Estudos do Territorio, convoca para o ano 2026 axudas destinadas a persoas físicas para a corrección de impactos paisaxísticos en edificacións e peches de parcelas (procedemento MT402A).
Estas subvencións teñen como obxectivo mellorar a integración paisaxística de inmobles situados en ámbitos de especial sensibilidade, fomentando o coidado do territorio e a posta en valor da paisaxe galega.
Actuacións subvencionables
-
Restauración e revestimento de fachadas.
-
Remate, renovación ou substitución do acabado exterior de cubertas.
-
Recuperación, restauración ou revestimento de muros de peche de parcelas.
As actuacións deberán ser integrais e axustarse aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia e á normativa vixente.
Persoas beneficiarias
Poderán solicitar estas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de inmobles sobre os que se vaian realizar as actuacións.
Contía da axuda
A subvención cubrirá ata o 70 % do orzamento subvencionable, cun límite máximo de 3.000 € por solicitante e inmoble.
Prazo e forma de solicitude
As solicitudes presentaranse exclusivamente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo será dun mes, contado desde os 7 días hábiles posteriores á publicación da convocatoria no DOG, e as axudas concederanse por orde de entrada ata esgotar o crédito dispoñible.